martes, 20 de septiembre de 2011

Lanzós xa está en Facebook

A Asociación de Veciños de Lanzós xa está nas redes sociais. Dende hai pouco tempo contamos cun enlace en Facebook, no que poderás pedir amistade e comentar todo o que desexes ao respecto da nosa parroquia.

Para acceder podes premer no icono de Facebook no principio da columna da dereita.

jueves, 20 de mayo de 2010

Cambio na Xunta Directiva

Dende o día 15 de Maio, e dacordo co artigo 7 dos Estatutos, Jesús Ares presenta a súa dimisión irrevocable no seu cargo de Secretario da Xunta Directiva da Asociación de Veciños.

Dita renuncia foi presentada na reunión da Xunta Directiva do Xoves 20 do presente, acto no que se lle fixo entrega á Sra. Presidenta de toda a documentación que estaba no seu poder, así como de diverso material que tamén estaba baixo a súa custodia.

Desde esta web, quero agradecer a súa axuda a todas as persoas coas que tiven a sorte de tratar nos cáseque 4 anos que formei parte desta Asociación, sin a cal non sería quen, en varias ocasións, de seguir adiante con este ilusionante proxecto. Gostaríame expresar especialmente o meu profundo e sincero agradecemento a quen, nos últimos días, me mostrou o seu cariñoso apoio. E finalmente desexar de corazón que a, sen dúbida, necesaria Asociación de Veciños siga viva, se consolide e sexa parte activa para sempre da nosa querida aldea.

lunes, 26 de abril de 2010

Curso de Poda

O pasado Martes 13 de Abril tivemos o último día do Cursiño de Poda, actividade que se celebrou por primeira vez en Lanzós e que tivo un éxito notable, tanto en canto á participación como ao interés xenerado.

Nestes catro días, o enxeñeiro da Xunta, D. Francisco Otero, amosounos varios dos segredos da poda das árbores froiteiras así coma dos kiwis. Para iso, tivemos varias clases teóricas (introducción, poda de formación, poda de fructificación...), así como unha clase práctica de poda de kiwis e froiteiras. Ademais, o último día regaloulles a todos os asistentes un exemplar de portainxertos BA-29 (é un patrón de marmeleiro, libre de virus, para inxertar peral).

Debido ao interés amosado por gran parte dos asistentes, e posible que no mes de Agosto se faiga un Cursiño de Inxertado, sempre é cando sexamos un número dabondo de asistentes. Convocaremos o curso a través de cartas aos socios, anuncio na radio e prensa, e desta propia web.

martes, 2 de marzo de 2010

Goya 2010 a Luis Tosar

Recentemente, o noso paisano Luis Tosar ven de gañar o seu terceiro Premio Goya da Academia de Cine pola súa exitosa película "Celda 211".

No seu discurso de agradecemento (que se pode ver aquí mesmo) o de Xustás non quere olvidar a súa orixe galega, empregando o noso idioma nun foro e nun intre tan importante.

Dende aquí, a nosa mais calurosa felicitación.

sábado, 20 de febrero de 2010

Curso de Poda

O primeiro día do Cursiño de Poda será o Mércores 3 de Marzo, ás 6 da tarde, na Casa-Escola de Lanzós. Ese día poñeremos entre todos as datas dos restantes días do cursiño, para que veña ben á maioría dos interesados.

Segundo día: Martes 16 de Marzo, ás 6 da tarde.
Terceiro día: Martes 23 de Marzo, ás 5 da tarde (clase práctica)
Cuarto e último día: Martes 13 de Abril, ás 6 da tarde.

viernes, 19 de febrero de 2010

Reunión co Alcalde

A pasada semana mantivemos unha reunión co alcalde de Vilalba, D. Gerardo Criado, para solicitar a axuda do Concello de Vilalba no arranxo da Casa-Escola de Lanzós. Concretamente, pedíuse a participación do módulo de albañilería da Escola-Taller no picado e rexuntado das paredes do andar superior, así como da parede oeste que aínda queda sen arreglar.

Así mesmo, solicitouse a dotación de alumeado para o campo da Asociación.

viernes, 12 de febrero de 2010

Asamblea Xeral Ordinaria 2010

De acordo co establecido nos Estatutos desta Asociación de Veciños, convócase ás señoras socias e socios á celebración da Asamblea Xeral Ordinaria 2010, que terá lugar o vindeiro Venres día 19 de Febreiro, ás 20:30 h. en primeira convocatoria, e ás 21:00 h. en segunda convocatoria, na Casa-Escola de Lanzós.

sábado, 30 de enero de 2010

Curso de Ximnasia

Este ano teremos outra edición do curso de Ximnasia. As clases serán na Casa-Escola, en principio, os xoves e venres ás 8:30 da tarde, e o curso farase se hai un mínimo de 10 persoas apuntadas. Os prezos son:

- Socios: 20 euros por persoa e mes.
- Non socios: 30 euros por persoa e mes.


Todos os interesados deberán ir o Xoves 18 de Febreiro, ás 8:30, á primeira clase, na que se decidirá si os días e horarios se axustan á maioría da xente.

Curso de Poda de Arboles

Este ano, por primeira vez, queremos facer un Curso de poda de árbores, que será impartido por D. Francisco Otero, enxeñeiro agrónomo da Consellería de Medio Rural.

En principio, o curso consistirá en 3 clases teóricas de 2 horas de duración (que se darán en 3 días pola tarde), mais un último día de clase práctica. Os prezos son:

- Socios: 20 euros.
- Non socios: 30 euros.


Para poder facer o curso é imprescindible un mínimo de 20 persoas. O prazo para apuntarse remata o 20 de Febreiro, polo que todas as persoas interesadas que chamen aos teléfonos 639914416, 609825332 ou 615232434 o antes posible.

viernes, 22 de enero de 2010

Avance de Cursos 2010

Xa temos un avance de cursos que, en función dos que nos concedan, se poderán facer neste ano 2010. Estes son:

- Cociña.
- Arte Floral.
- Cestería.
- Restauración de Mobles.
- Manualidades.


En principio, toda a xente interesada en algún dos cursos, que se apunte o antes posible nos teléfonos da Asociación (639914416, 609825332 e 615232434).

Unha vez que sepamos canta xenta hai interesada en cada un dos cursos, veremos cal ou cales son os mais demandados, solicitaránse e despois falarase con eles das datas, horarios e demais.

martes, 12 de enero de 2010

Cotas de socio 2010

Co fin de facilitar o pago dos recibos de 2010, todos os socios e socias que aínda non tiveran pagado o recibo deste ano poden ingresar os cartos en calquer sucursal de Caixa Galicia, na conta número 2091 0148 28 3000222018, a nome de Asociación Social e Cultural dos Veciños de Lanzós.

E fundamental poñer o nome do socio ou socia que fai o ingreso. Tamén recordar a todos que as cotas son de 30 euros anuais.

viernes, 16 de octubre de 2009

Lotería de Nadal 2009

Xa temos á venda a Lotería de Nadal para o Nadal 2009.

Este ano, a Asociación de Veciños de Lanzós xoga o número 08953, que parece ser que é o que vai tocar. Podedes pedirllo a calquera membro da Xunta Directiva, ou tamén o tedes á venda na Parrillada do Adro ou na Gasolinera do Cotelo.

miércoles, 23 de septiembre de 2009

Exito da Excursión á Ribeira Sacra

Como estaba previsto, o pasado 10 de Setembro, unha nutrida representación de veciños da nosa parroquia tivo a oportunidade de facer unha excursión dentro do Programa Km. 0, promovido pola Excma. Deputación Provincial de Lugo.

Trala viaxe ata Lugo, foron recibidos no Salón de Actos do Pazo de San Marcos pola Vicepresidenta segunda da Deputación Dna. Lara Méndez López, para posteriormente facer unha visita guiada polo edificio, trasladándose con posterioridade ao Centro de Artesanía e Deseño, onde destacaban os fermosísimos traxes rexionais (algún deles valorado ata en 50.000 euros) e a colección de instrumentos musicais.

Posteriormente trasladáronse en autocar ata Sober, que os recibiu cun día de bastante calor, onde xantaron. Pola tarde, viaxe no catamarán polo río Sil para contemplar os seus famosos Canóns.

Agardamos que a excursión fose do agrado de todolos participantes, quedando emplazadas para próximas visitas a outros lugares de interese da nosa fermosa terra.

miércoles, 10 de junio de 2009

Excursión á Ribeira Sacra

O próximo Xoves día 10 de Setembro, e dentro do Programa Km. 0 da Deputación de Lugo, faremos unha excursión na que visitaremos o Centro de Artesanía e Deseño en Lugo, e despois iremos á Ribeira Sacra.

A excursión, incluida a comida, é totalmente gratuita. As prazas están limitadas a un máximo de 48 persoas, e teñen preferencia os socios ata completar as plazas dispoñibles. Poderán apuntarse nunha lista de agarda outras persoas interesadas que, en caso de que non se cubran as 48 plazas, poderán asistir.

MOI IMPORTANTE: Os interesados teñen que apuntarse antes do día 1 de Setembro, chamando aos teléfonos 639914416, 609825332 ou 615232434. Debido a que dependemos da organización por parte da Deputación de Lugo, NON SE FARÁN EXCEPCIÓNS NESTE PUNTO.

NOTA: Poñeránse carteis co horario e lugar de recollida do autobús.

III Xuntanza da Asociación de Veciños de Lanzós

O día 4 de Xullo, ás 9 da noite, teremos a cea de confraternidade da Asociación, no campo de S. Pedro, con sorteos, música, baile e fogos artificiais.

Precios: Socio e 1 acompañante da mesma casa: GRATIS
Non socios: 20 euros.

O menú consta de Paella, Carne asada con patacas, postre, viño, auga ou refrescos, café e chupito.

IMPORTANTE: Chamar antes do 27 de Xuño ós números 639914416, 609825332 ou 615232434 para apuntarse.

viernes, 8 de mayo de 2009

Cine: "Unha noite na Opera"

O vindeiro Sábado 13 de Xuño, ás 4:30 da tarde, continuaremos as proxeccións de cine coa película "Unha noite na Opera", unha divertida comedia dos Irmans Marx.

E unha película APTA PARA TODOLOS PUBLICOS.

martes, 28 de abril de 2009

II Curso de Baile de Salón

Debido ao grande éxito da edición do ano pasado, e ao gran número de peticións por parte dos socios, este ano repetimos o Curso de Baile de Salón. A presentación do curso será o Sábado 16 de Maio, ás 10 da noite na Casa-Escola, día no que entre todos os asistentes interesados se decidirán as datas e horarios definitivos.

Os prezos serán os mesmos do ano pasado, é dicir.

- Socio (ou persoa da mesma casa): 10 euros (ao mes)
- Non socios: 20 euros (ao mes)

Así pois, se estades interesados en asistir, non tedes mais que ir á presentación.

martes, 31 de marzo de 2009

Rematan as obras no Campo de San Pedro

O pasado 26 de Marzo, e cumprindo co prazo estimado, remataron as obras no Campo de S. Pedro.

Estas obras, financiadas na meirande parte gracias á Excma. Deputación de Lugo, incluiron a limpeza do entorno do campo, a construcción do muro derribado no 'Klaus', arranxo de desperfectos nos muros, templete da música e escaleiras, así como o pintado posterior.

Agardamos que o resultado final sexa do agrado de todos os veciños.

miércoles, 18 de marzo de 2009

Nova iluminación na Casa-Escola

Esta semana, e gracias á aportación do Concello de Vilalba, foi instalada una nova iluminación exterior na Casa-Escola de Lanzós, consistente na colocación de dous farois de fundición de cor negra, que lle aportan ao edificio un aspecto moito mais acorde co entorno.

Queremos agradecer ao alcalde D. Gerardo Criado a súa desinteresada colaboración nesta actuación.

jueves, 5 de marzo de 2009

Cine: Proxección da película "Pradolongo"

O vindeiro Venres 20 de Marzo, víspera de S. Xosé, ás 8:30 da tarde proxéctarase na Casa-Escola de Lanzós a película "Pradolongo", de Ignacio Vilar, rodada integramente en Galicia.

A entrada é libre, sendo unha película APTA PARA MAIORES DE 7 ANOS.

Curso de Restauración de Mobles

A Asociación de Veciños de Lanzós, en colaboración co Sindicato Labrego Galego, organiza o 2º Curso de Restauración de Mobles Antigos.

As clases TOTALMENTE GRATUITAS serán impartidas na Casa-Escola de Lanzós, todos os sábados, de 4 a 7 da tarde, e comenzarán o próximo Sábado 14 de Marzo. A duración total do curso é de 40 horas e, por razóns de adecuada atención aos alumnos, o número máximo de participantes é de 15 persoas.

As persoas interesadas que chamen o antes posible aos teléfonos 639914416, 609825332 ou 615232434 para apuntarse.

viernes, 27 de febrero de 2009

Subvencións para instalacións eléctricas

O DOG de hoxe publica a Orde do 19 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de instalacións eléctricas de baixa tensión que foran feitas antes do 1 de xaneiro de 1989 no interior de edificios e vivendas habitadas na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

Subvenciónase ata un 50% do gasto cun máximo de 1000 euros. O prazo para solicitar esta subvención é de 1 mes dende mañán.

Para mais información, podedes chamar ao teléfono 982 29 49 38.

viernes, 13 de febrero de 2009

Asamblea Xeral Ordinaria 2009

O próximo venres 27 de Febreiro terá lugar a Asamblea Ordinaria de socios 2009, ás 20:30 h. en primeira convocatoria, e ás 21:00 h. en segunda convocatoria, na Casa-Escola de Lanzós.

A orde do día consta nas cartas que lles foron enviadas a todolos socios. Nesas mesmas cartas foron enviados os carnets correspondentes.

domingo, 1 de febrero de 2009

Subvención do Area de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo.

No BOP do pasado día 13 de Xaneiro sae publicada a relación de organismos e asociacións ás que lle foron outorgadas subvencións para a adquisición de material cultural.

Este organismo concedeulle unha subvención de 904,59 euros á Asociación de Veciños de Lanzós (ASVELA) para a adquisición de material audiovisual e de oficina. Gracias a este axuda, mercouse un proxector Hitachi CP-X301 (para apoio nas charlas así como para ciclos de cine), así como material de oficina (folios, sobres, tinta de impresora, etc).

Agradecemos ao mencionado organismo a súa achega económica.

Arranxo dos muros do Campo de San Pedro. Nota pública da Xunta Directiva.

En data 02 de Xaneiro de 2009 foi aprobado o Plan de Comunidades Veciñais 2008 pola Xunta de Goberno da Excma. Deputación de Lugo, que otorgou á Asociación de Veciños unha axuda de 4.935,00 euros para a reparación e acondicionamento dos muros que delimitan o Campo de San Pedro.

Unha vez que esta axuda xa estaba concedida, houbo que lamentar que o ciclón 'Klaus' tirou a parte do muro mais cercana á propiedade de D. José Castro Cillero. Debido a eso, imos levantar de novo o muro na súa totalidade, e posteriormente intentaremos acollernos a algún tipo de axuda para sufragar este gasto inesperado.

Debido a que este muro está lindando coa propiedade da persoa mencionada, varios membros da Xunta Directiva falaron con él para informalo deste asunto, así como de que se van arranxar todos os desperfectos dos muros coa subvención concedida. Chegados a este punto, e tras facerlle constar que unha árbore da súa propiedade está derrubando parte da muralla, esa persoa non ofreceu ningún tipo de solución, antes ben, dixo da árbore mencionada "que non a vou cortar de ningunha das maneiras".

Dende a Xunta Directiva lamentamos vernos obrigados a facer público este desagradable asunto. Sempre pensamos que nin a Xunta Directiva nin a Asociación como tal non debe decantarse por ningunha opción política, sendo ésta un dereito individual de cada persoa. Por iso pensamos que un socio da nosa Asociación, sendo por riba o pedáneo, debería de dar exemplo de traballo e de compromiso pola nosa parroquia. Que cada un saque as súas propias conclusións.

En todo caso, a Xunta Directiva se reserva o dereito de tomar as medidas que crea convenientes ao respecto.

miércoles, 28 de enero de 2009

Reclamacións a BEGASA polo 'Klaus'.

A Asociación de Veciños de Lanzós pon a disposición de todos os veciños afectados o formulario para reclamar os danos derivados da falta de suministro eléctrico, tales como poden ser carne dos conxeadores que se estropeou, averías nos aparatos eléctricos, danos por caídas de postes, etc.

Picade enriba da foto da reclamación e despois imprimidea. Cubrides todos os datos, firmade ao final, e podedes entregalo na oficina de BEGASA na Rúa Novo Cazón de Vilalba. Non olvidedes facer unha fotocopia e que lle poñan un sello de entrada coa fecha que a entregades, para quedarvos con ela.

Para a xente que non poida acceder desde o Blog, pode pedir o formulario a calquera membro da Directiva. Así mesmo, se precisa axuda, axudarémoslle a cubrilo e a presentalo na oficina correspondente.

miércoles, 14 de enero de 2009

Incentivos para afiliarse á Seguridade Social no agro.

No DOG de hoxe publícase a Orde do 30 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

miércoles, 31 de diciembre de 2008

Subvencións para prevención de incendios en montes veciñais en man común.

No DOG do 16 de Decembro aparece a orde do 10 de decembro de 2008 que concede subvencións para o ano 2009 para prevención e defensa contra os incendios forestais.

Son subvencionables os gastos de desbrozado (manual ou mecanizada), roza de camiños, construcción de puntos de auga, compra de desbrozadoras manuais ou motoserras, ferramenta manual, roupa de traballo, etc.

Esta orde está modificada nun DOG posterior (do 31 de Decembro), que modifica o prazo para solicitar a subvención, que remata o 31 de Xaneiro de 2009.

Podedes informarvos en detalle no Centro Comarcal da Xunta en Vilalba.

lunes, 29 de diciembre de 2008

Día Infantil 2008

Onte domingo 28, coincidindo co día dos Inocentes, celebramos na Casa-Escola a II Edición do Día Infantil, para todos os nenos e nenas da parroquia e arredores.

Nesta ocasión, disfrutamos da actuación de Carlos Coira, un mago de moito talento que fixo desfrutar a nenos e maiores cos seus trucos de maxia e ilusionismo.

Queremoslle agradecer a Carlos a súa presencia totalmente desinteresada no día dos mais pequenos da parroquia.

domingo, 28 de diciembre de 2008

Queredes ver mais fotos...?

Agora, ademais de poder ver o Libro de Actas da Asociación así como outra documentación de interese para a parroquia, podedes ver albumes de fotos das actividades no novo enlace Mira o que facemos...

Premede sobre a actividade que vos interese e poderedes ver as fotos que desexedes, descargalas no voso ordenador ou imprimilas.

Remata o Curso de Cestería

O pasado 11 de Decembro púxose fin ao Curso de Cestería, no que os asistentes poideron aprender as técnicas necesarias para iniciarse nesta labor tradicional.

Esperamos que este curso fora de interese para todos, e agardamos repetir una iniciativa similar o antes posible. Queremos agradecer especialmente ao Sindicato Labrego Galego a súa colaboración nesta actividade.

sábado, 27 de diciembre de 2008

Trámites coa Consellería de Educación

Onte Venres 26 de Decembro envíamoslle, a través do rexistro correspondente, unha carta a D. Luis Manuel Alvarez Martínez, Delegado Provincial de Educación en Lugo, relativa á reintegración da titularidade da Casa-Escola de Lanzós a favor dos veciños da nosa parroquia.

Debido a que o edificio xa non cumple a súa función educativa orixinal, e que na actualidade ocupa o centro da vida asociativa de Lanzós, solicitámoslle a súa desafectación.

Cando teñamos noticias ao respecto, irémolas publicando no blog.

viernes, 26 de diciembre de 2008

Charla Medio Ambiente

O pasado 20 de Novembro tivemos en Lanzós unha amena charla có título de Aproximación ao coñecemento dos Espacios Naturais Protexidos. Rede Natura 2000, a cargo do técnico da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostenible, D. Santiago Franco.

Foi unha charla amena, na que o ponente explicou aos asistentes as peculiaridades medioambientais da nosa parroquia e bisbarra. Trala charla houbo un turno de preguntas.

Queremos agradecer á Consellería de Medio Ambiente a súa colaboración nesta actividade.

miércoles, 24 de diciembre de 2008

Solicitude ao Concello de Vilalba

Recentemente publicouse no BOE o RDL 9/2008, que crea un Fondo Estatal de Inversión Local, outorgandolle ao Concello de Vilalba uns fondos de 2.718.186 euros (mais de 450 millóns de pesetas) para os 15.358 habitantes que hai a data 01/01/2007.

Según o padrón municipal desa mesma data, na nosa parroquia hai 656 habitantes. Xa que eses fondos se distribuen en proporción á poboación de concello, nesta Asociación de Veciños pensamos que unha parte deses fondos deberían de investirse na nosa parroquia.

Posto que a data de solicitude de proxectos remata o 24 de Xaneiro de 2009, hoxe presentamos unha solicitude no rexistro do Concello cunha proposta de obras que se poderían levar a cabo en Lanzós. Agardamos, pois, que a nosa parroquia se teña en conta neses proxectos.

martes, 23 de diciembre de 2008

Aportación do Grupo Editorial Casals

Hai uns días recibimos unha donación mais que xenerosa por parte das Editoriais Casals, Bambú, Combel e Onda, consistentes nun gran lote de libros infantís e xuvenís. O antes posible, incluiremos estos libros no Fondo da Biblioteca para que todos poidades consultar os títulos que nos enviaron.

Queremos agradecer de todo corazón ás mencionadas editoriais o seu precioso xesto e enviarlles, en nome de todos os veciños de Lanzós, unha cálida aperta.

Recordar aos veciños que os libros están a disposición de todos. Non dubidedes en falar con calquera membro da Xunta Directiva si non puiderades acceder a eles.

lunes, 24 de noviembre de 2008

Inicio do Curso de Gaita e Percusión

Hoxe luns tivo lugar na Casa-Escola a presentación do Curso de Gaita e Percusión que organiza a nosa Asociación. As clases serán impartidas polo profesor Manuel Caridad.

O curso, no que xa hai 22 alumnos apuntados, comeza o 12 de Xaneiro de 2009, e as clases terán lugar todos os luns de 20 a 21:30 h., durante 4 meses.

viernes, 21 de noviembre de 2008

Documentación da Asociación

Seguindo coa idea de máxima trasparencia que dende a Xunta Directiva sempre pensamos que debía de existir na Asociación, dende hoxe todos os socios poden acceder neste blog a moita da documentación da Asociación (Acta Fundacional, Estatutos, Estados de Contas, etc.).

Para iso, estreamos dúas novas seccións chamadas Actas e Documentos, que podedes atopar na columna da dereita. Nesas seccións veñen os enlaces aos documentos que queiramos ver, pinchamos e ábrese unha nova ventá de Scribd, no que se poderá ver o documento en cuestión. Unha vez feito isto, podémolo imprimir ou descargar no noso ordenador.

Esperamos que vos sexa de utilidade.

miércoles, 19 de noviembre de 2008

Colaboración da editorial Seix-Barral

Hoxe recibimos unha xenerosa aportación da editorial Seix-Barral, consistente nun lote de libros para ampliar a nosa biblioteca.

Esperamos que esos libros sirvan de fonte de lecer para todos os veciños. Dende a Xunta Directiva, queremos agradecer ao Departamento Editorial o seu xesto.

martes, 18 de noviembre de 2008

Novo membro da Xunta Directiva

Hoxe 18 de Novembro, tomou posesión do seu cargo de vogal da Xunta Directiva desta Asociación o señor Pepe Ramudo Seijido, de Moreda, en sustitución de Antonio Teijeiro Gesto, quen dimitiu por razóns persoais do seu cargo.

jueves, 13 de noviembre de 2008

Ampliación da Biblioteca

Dende a Xunta Directiva seguimos empeñados en que Lanzós conte cunha biblioteca que sexa fonte de lecer e de interese para todos os veciños da parroquia.

Por iso, escribímoslle aos principais grupos editoriais de España, solicitándolles a súa colaboración coa a doazón de libros, tanto en galego coma en castelán. Estamos a recibir as respostas e, a medida que as teñamos, publicaremos no Blog as empresas que colaboraron con nós de forma totalmente altruísta.